Feminist embroidery: Smash de patriarchy

O craftivismo seguramente non será a clase de activismo que valore quen cita a Marx ou Bakunin cunha fe entregada, pero pon en evidencia a maior efectividade que poden chegar a ter as pequenas accións, as accións centradas na vida privada e comunitaria. A efectividade deste tipo de prácticas non depende da atención que lles presten os medios de comunicación nin das concesións que se lles arrinquen aos políticos. E, mesmo así, conseguen iniciar procesos de empoderamento individual e colectivo, conseguen unha forte implicación por parte das participantes e apáñanlle pequenas cotas de poder ao sistema capitalista.

 

Craftivismo: knit graffiti en Sussex Lane realizado por Magda Sayeg

Knit graffiti en Sussex Lane realizado por Magda Sayeg (foto de JAM Project)

Quizais unha das expresións máis coñecidas de craftivismo sexa o yarnbombing (tamén chamado yarn storming, guerrilla knitting, kniffiti ou graffiti knitting) consistente en intervencións no espazo público a través de tecidos realizados por múltiples participantes organizadas. Pero hai que salientar que o craftivismo comprende calquera tipo de manifestación artesanal e que os obxectivos e motivacións das súas actividades, coma en calquera outra forma de activismo, son múltiples e moi diversas. Mais neste artigo quero reparar en dúas especificidades do craftivismo téxtil: o proveito que as activistas tiran de desenvolver este tipo de actividades e a importancia de practica-la propaganda polo acto, empregando terminoloxía anarquista.

Unha das razóns polas que as activistas se comprometen tan fondamente e durante tan longo tempo con esta forma de facer, atópase nos beneficios que as artesanías reportan, os cales poden ser distintos para cada persoa. No referente ao colectivo, o craftivismo é capaz de xerar un espazo comunitario no que o recoñecemento por parte das demais participantes e máis da veciñanza ten un papel importante no aumento da autoestima tanto individual coma do grupo social.

Hai xa tempo que o feminismo proclamou que o persoal é político. Seguindo esta aprendizaxe, é interesante ver como as craftivistas sacan as actividades domésticas ao espazo público para dotalas de novos significados e intervir na política local, sostendo a evidencia de que o doméstico tamén é quen de provocar cambios sociais. Nas súas accións interveñen sobre o espazo físico para transformalo e facer reivindicacións ecoloxistas, antimilitaristas ou, por mellor resumir, humanistas. Mais hai que salientar que, o simple feito de tecer en público, constitúe un acto político con impacto na contorna.

Craftivismo: cartaz día mundial de tecer en público 2016 evento de crealia e labart

Cartaz para o evento do Día Mundial de Tecer en Público do 2016 convocado por Crealia e Labart.

Calquera persoa que teña tecido en público sabe a curiosidade e mesmo a estupefacción que experimentan as persoas ao redor, provocada polo feito de sacar unha actividade do seu contexto habitual – o doméstico – e expoñer en público o propio acto creativo. Este efecto provocador vese multiplicado se o espazo escollido para tecer é un espazo masculinizado ou que se considera que non é apto para este tipo de actividades – o lugar de traballo, a escola, un evento cultural… -. Esta asociación das actividades téxtiles coa feminidade e co ámbito doméstico aparece subvertida tamén nas accións desenvolvidas polos colectivos de homes tecedores, que centran a reflexión no cuestionamento dos roles de xénero e na procura de novas masculinidades.

Craftivismo: acción do colectivo chileno Hombres Tejedores

Acción do colectivo chileno Hombres Tejedores

Doutra banda, se atendemos ao proveito que se obtén de maneira individual, as activistas teñen referido múltiples beneficios que parten da resignificación de actividades tradicionalmente femininas e confinadas ao ámbito doméstico. Ademais do simple pracer ou da relaxación que se obtén ao realizar unha actividade manual, tamén se recoñece que o acto de tecer pode servir como ferramenta de meditación, coma vehículo de canalización do pensamento. Neste senso, as craftivistas Annuska Angulo e Miriam Martínez teñen insistido moito na asimilación do tecido cunha forma de escritura, capaz de reportar, polo tanto, os mesmo beneficios. Trátase, neste caso, de transmutar unha actividade comunmente subestimada nunha ferramenta intelectual e empoderadora que conserva e transmite unha tradición ao tempo que se acciona para explorar novos horizontes.

Los textiles fueron los primeros libros. De hecho, “tejer” y “texto” comparten la misma raíz latina, “textere”, que significa “tejer”. Lo que vemos en México es la continuación de nuestras “escrituras”, que vienen desde nuestras culturas antiguas y que a través del tejido transmitían sus cosmovisiones. En nuestro país, las artesanías son nuestros libros y un acto de resistencia. Venimos de una cultura que resiste y persiste y seguimos tejiendo porque nuestra madre nos enseñó y a ella su madre y así… (Miriam Martínez)

Ademais de todas estas formas de subversión, existe unha idea transformadora e transversal que as une e subxace a todas elas: a convicción de que a artesanía pode exercer como axente de cambio da cultura material e, colateralmente, da vida política e social. O feito de realizar obxectos coas mans, por si só, constitúe un acto de protesta e rebelión perante o materialismo e mailo consumismo capitalistas. E mesmo podemos dicir que é capaz de propoñer unha alternativa de consumo (que en ningún caso pretende ser única) que lle outorga á creadora varios poderes: o poder creativo, a capacidade de autoabastecerse e acadar certo grao de independencia, a capacidade de incrementar a autonomía persoal e tomar decisións respecto aos obxectos que usa.

Con todo, non podemos pretender que calquera persoa que desenvolva unha actividade artesanal sexa, de feito, unha activista. O elemento fundamental nesta nova cultura material é, sen dúbida, a consciencia. A consciencia, en primeiro lugar, da relación que mantemos coa actividade que realizamos e co obxecto creado: trátase de responsabilizarse dos obxectos que empregamos, de valorar tanto o traballo coma as relacións de afecto que establecemos coa parte material das nosas vidas, de comprender os significados culturais e sociais que os obxectos conteñen, de comprender a conexión que une a vida humana cos materiais, os procesos e a sostibilidade do planeta.

En última instancia, trátase de ser conscientes de estar a efectuar un acto de resistencia. Cada vez que rexeitamos mercar produtos froito da explotación – tanto humana coma natural -, que decidimos expresar a nosa creatividade nos obxectos que utilizamos ou que establecemos algún afecto por eles, redimíndoos da súa simple materialidade, coutamos o poder que o sistema capitalista ten sobre nós. A isto me referín no inicio do artigo ao nomear a propaganda polo acto: idear estratexias baseadas na construción de algo no canto da oposición a algo, propoñer e propagar unha forma de vida por medio da súa práctica inmediata.

+ Info

Craftcabanyal 

Craftivism (Wikipedia)

Craftivism (Betsy Greer)

Craftivismo: artesanía para hacer lo que se pueda hacer (Monográfica.org)

El craftivismo: lo que es y lo que podría ser (Centro de Cultivos Contemporáneos del Barrio)

El mensaje está en el tejido (Sin Embargo)

El poder de crear: DIY o el fenómeno que vino para quedarse (Slow Fashion Next)

Feminist Fibert Art

Haz lo que te dé la lana (El Periódico)

Hombres Tejedores: romper estereotipos de género tejiendo bufandas (Yorokobu)

La búsqueda de cambios sociales desde las manualidades (La Matriz)

Prácticas artísticas textiles y activismo (Puntadas subversivas)

Qué es el craftivismo: artesanía por un mundo mejor (Diario artesanal)

Tejer con la vagina, otra forma de activismo político (Sopitas.com)

Tejer es punk (Página 12)

Imaxe da capa: Bordado “Smash the Patriarchy” de Moonrise Whims.

Artigos relacionados

Comentarios

Fai o primeiro comentario.

Deixa un Comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*

*