Trabajo esclavo sector textil de India

Nos últimos anos están a proliferar as iniciativas que denuncian a explotación practicada pola industria téxtil sen que as evidencias e catástrofes teñan virado significativamente os hábitos de consumo occidentais. Mesmo o afamado programa Salvados emitiu durante a pasada tempada a reportaxe “Fashion Victims”, dedicada aos estragos que a fast fashion causa nas poboacións e no medio ambiente, e que conseguiu provocar un debate efémero nas redes sociais. Propoñamos un exercicio de sororidade baseado na empatía: compartamos aquilo que nos une, as experiencias comúns que nos achegan a esas mulleres que están a fabricar a nosa roupa no outro lado do mundo.

A industria téxtil é na actualidade un dos negocios máis contaminantes e con maiores rexistros de emprego infantil e escravo do mundo. Ao tratarse dun negocio soportado principalmente por mulleres e nenas falamos dun traballo feminizado que se beneficia e sustenta na especial vulnerabilidade desta metade da poboación mundial.

O que se está a facer: experiencias do Terceiro Mundo

Hai xa anos que vimos coñecendo de qué xeito está a actuar a industria téxtil nos países máis pobres grazas ao traballo de institucións coma a federación de ONGs Setem ou campañas coma Roupa Limpa. Mais é dende o derrubamento do edificio Rana Plaza en Daca (Bangladesh) no ano 2013 cando coñecemos cada vez máis testemuños e incrementa o interese por documentar os seus efectos nocivos e maila explotación soportada polas poboacións locais.

No 2014 adquiriu sona un breve documental noruegués de 5 capítulos, Sweatshop, no que tres blogueiras viaxaban a Cambodja para viviren coma as traballadoras do téxtil daquel país. Neste documental xa se amosaban as manifestacións que as traballadoras e traballadores están a realizar para conseguiren o aumento do salario mínimo e mellora-las condicións laborais. Amosaba, ademais, un aspecto moi importante que non quedou suficientemente explicitado na reportaxe de Salvados: o poder adquisitivo que as traballadoras conseguen con ese salario e as dificultades ás que se enfrontan para sobreviviren. Pódense ver os 5 capítulos de Sweatshop subtitulados en español no web do xornal Aftenposten.

A Sokti, unha das traballadoras que contribuíron á realización desta serie, podemos vela no seguinte vídeo continuando a súa loita, desta vez contra o desamparo no que o peche da fábrica que a empregaba deixou a tódalas súas traballadoras.

O documental The True Cost, publicado no 2015, analiza a situación actual do téxtil e a roupa lixo a través de entrevistas a persoas implicadas no sector, e mesmo presenta un modelo alternativo: o da marca People Tree. O seu título refírese directamente á relación de custos non soamente dende unha perspectiva economicista, como se adoita facer, senón dende unha perspectiva que ten en conta os factores persoais, sociais e medioambientais que non aparecen nas contas de resultados nin nos informes que manexan os gobernos. Unha vez máis comprobamos o nivel de vida das traballadoras, a súa renuncia a mante-las súas fillas e fillos canda si pola imposibilidade de coidalas e a súa loita por unhas condicións laborais máis dignas. [The True Cost online]

Todos estes documentais conseguen darnos as primeiras referencias sobre a situación que se está a vivir nos países asiáticos. Mais non queremos esquecer tampouco as traballadoras dos países clasificados coma “en vías de desenvolvemento”; os países do leste europeo, sen ir máis lonxe, nos que as condicións de explotación son moi semellantes ás que viviamos en Galiza hai poucos anos. Tamén na Europa se segue producindo a explotación sobre a que asenta os seus alicerces a industria téxtil multinacional.

O que se fixo: experiencias do Primeiro Mundo

Por que o título deste artigo? Inditex naceu, medrou e alicerzou o seu imperio na Galiza. E fíxoo iniciando un modelo de explotación soportado polas traballadoras galegas, baseado na externalización de procesos en pequenos talleres dependentes da marca que se vían obrigados a aceptar as súas precarias condicións laborais e a sufrir as súas políticas de coerción. O que seguiu despois xa é ben coñecido: as grandes multinacionais téxtiles comezaron a súa estratexia de deslocalización porque non puideron concluír nos países ricos o proceso que agora están a desenvolver nos países pobres.

O documental galego promovido por Setem, Fíos fóra, pon a súa mirada no inicio deste fenómeno e máis na moral e ideoloxía que dan pé á súa existencia. Os relatos das costureiras son verdadeiras cicatrices na Historia de Galiza, pois deixan en evidencia a existencia dunha auténtica política de “terra arrasada”, pola cal o noso país quedou, trala deslocalización, case totalmente desprovisto dunha industria téxtil que empregaba a miles de mulleres.

Fíos fóra é un dos primeiros espazos nos que se expresan estas experiencias dolorosas. Pero a historia que conta cómo se pasou dos tradicionais talleres de modistas e costureiras, nos que se aprendía un oficio por transmisión oral, aos talleres que absorbían a externalización de procesos de grandes firmas, comeza aínda antes. Preguntémoslles ás nosas nais, avoas, tías, irmás, veciñas e coñecidas e narremos as súas experiencias. Visibilicémolas para comprender tódalas dimensións dos lazos que nos unen coas mulleres que hoxe elaboran a fast fashion.

Comprendendo a xenealoxía: a nai, a irmá.

Se lles preguntades ás mulleres que vos rodean é probable que atopedes historias como as de miña nai e miña irmá. A experiencia de miña nai remítenos a unha empresa téxtil de grande prestixio que empregaba a centos de mulleres na área metropolitana viguesa: tratábase da empresa Regojo, situada en Redondela, a principal fabricante española de camisas na España dos anos 60. Esta empresa pode ser considerada digno antecedente da Inditex, pois xa daquela iniciara a política de externalización de procesos cara talleres locais levantados por mulleres que empregaban, de igual xeito, mulleres que cobraban salarios precarios e carecían de contrato, de prestacións ou de seguridade.

Recollamos nos nosos blogues, redes sociais, páxinas web… as historias das mulleres que vos teñan transmitido experiencias semellantes, para que o seu traballo e a explotación que sufriron non queden invisibilizadas.

No caso de miña nai, o seu traballo desenvolveuse nun pequeno taller da área rural viguesa, xunto a outra decena de mulleres, aproximadamente. O taller dedicábase á confección de batas e xa desenvolvía o traballo de maneira especializada, dedicándose cada unha delas a unha tarefa moi concreta, desenvolvendo o proceso dun xeito moi diferente, e con maquinaria tamén moi diferente, ao que miña nai tiña aprendido no tradicional taller de modistas. Á diferenza da organización adoptada posteriormente por Inditex, os vencellos entre fábrica matriz e talleres eran máis estreitos: a encargada que supervisaba o traballo na fábrica principal tamén percorría os talleres diseminados polos concellos limítrofes para supervisar o traballo daqueles; as encargadas ou “propietarias” dos talleres mantiñan unha relación relativamente máis asidua co propietario. Como talleres dependentes que eran, cando Regojo decidiu pechar a liña de negocio de batas, tódolos talleres desta sección botaron o peche.

A experiencia de miña irmá, moitos anos despois, xa entra na dinámica instaurada por Inditex e outras marcas galegas na industria téxtil. O seu traballo transcorría en longas xornadas, sen seguridade social e con salarios tan baixos que se lle facía imposible nin tan sequera pensar en levar unha vida autónoma. Miña irmá, así e todo, non chegou a ser traballadora de Inditex. A súa experiencia máis directa coa multinacional ocorreu nunha nave industrial, aparentemente clandestina, na que realizou unha proba dunha semana enteira de duración para acceder a un posto de traballo. Durante esa semana coseulle centos de etiquetas ás prendas de Zara e, ao finaliza-lo periodo de proba, ofrecéronselle unhas condicións de traballo tan miserables que non puido aceptalas. A semana de traballo non lle foi remunarada.

E que podo facer eu?

No momento de elaborar propostas, temos que ser conscientes de que as solucións que non poidan ser adoptadas polas clases baixas non poden recibir tal nome, pois somos as clases baixas a inmensa maioría da poboación.

María Almazán dicía: “As persoas temos que entender a forza que temos no momento de consumir“. É preciso conseguir e facer uso dunha maior transparencia para que poidamos actuar consecuentemente, sabendo cómo e quen fai a roupa e a onde vai o noso diñeiro. Con todo, non quero ser inxenua. O negocio da fast fashion non só se basea na explotación daquela parte da poboación mundial que fabrica as prendas de roupa. Aínda cando non sexa comparable a súa gravidade, debemos saber que o seu negocio tamén se fundamenta en explota-las vulnerabilidades da poboación que consume este tipo de moda: non obviemos a precariedade duns salarios que cada vez son máis baixos, o aumento do custo da vida, a explotación das eivas persoais, económicas e sociais e, en definitiva, da falla de empoderamento da meirande parte da poboación.

En que pode consistir unha proposta alternativa?: en penalizar as compañías que non respectan os dereitos humanos; contribuír a unha economía circular no canto dunha economía liñal do refugallo; ir á procura das múltiples alternativas que están a xurdir en tódolos lugares do mundo, tamén no estado español, cada vez con maior rapidez e éxito; difundir a información que consegues; iniciarse no camiño da auto-fabricación (a cultura maker, o DIY, a artesanía); poñer en práctica novos modelos de organización da vida e da convivencia; colaborar; ser creativas… Unha vez fomos nós, agora son elas. Se as explotan a elas, explótannos a todas.


+INFO

Antes de ir de Rebajas, deberías ver SWEATSHOP: el vídeo que pone en jaque al mundo de la moda

Ella te contará lo que la prensa española se niega a investigar sobre Amancio Ortega e Inditex

Informe Estafadas: Los salarios de pobreza de las trabajadoras del sector textil del este de Europa y Turquía (Campaña Ropa Limpia)

Guía para vestir sin trabajo esclavo (Setem)

Las otras víctimas de la moda – Alicia Puleo

Monográfica #1: Medio ambiente

MOV3: Guía 2.0 moda ética de Galicia

Qué han hecho Inditex, El Corte Inglés y Cortefiel tras las denuncias de abusos en fábricas de Asia

[Créditos da imaxe da capa: El Confidencial]

Comentarios

Fai o primeiro comentario.

Deixa un Comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*

*