open source ecology

A filosofía que subxace ao movemento open source consiste en aprender, compartir, copiar, replicar, transformar, crear e realizar estes procesos conxuntamente coa comunidade para beneficio mutuo. A filosofía open source pode aplicarse a calquera eido do coñecemento humano e, polo tanto, calquera eido do coñecemento humano pode experimentar os seus beneficios, entre os que se atopa -agora veremos como- o beneficio ecolóxico.

Se falamos da urxencia de camiñar cara unha economía circular en contraposición á actual economía liñal, hai que preguntarse de que maneira nos poden axudar as novas tecnoloxías nese avance. Sen dúbida, unha das tecnoloxías que parece chamada a ter unha grande relevancia na cuarta revolución industrial é a impresión 3D (xunto con tecnoloxías afíns coma o corte CNC). A democratización de impresoras 3D implicaría trasladar a factoría ao fogar ou, cando menos, ao centro produtivo comunitario máis próximo. As persoas consumidoras convírtense en produtoras dos propios obxectos que precisan, reducindo o impacto do proceso produtivo no medio ambiente, así coma o impacto do transporte, da deslocalización e da fabricación e almacenaxe de grandes stocks. Pasamos dunha produción estandarizada de grande escala a unha produción baixo demanda e personalizable.

Impresora 3D

Impresora 3D. Fonte: Indiana Public Media

Por suposto, non debemos obviar os problemas ecolóxicos que seguen a producirse tanto no deseño das máquinas en si mesmas coma nos obxectos resultantes da impresión. Na actualidade a meirande parte dos filamentos dispoñibles son plásticos, pero existen motivos suficientes para sermos optimistas: un dos filamentos máis estendidos na impresión 3D é o chamado PLA (Poliácido Láctico), un material biodegradable e reciclable procedente de diversos materiais orgánicos coma o millo ou o trigo. Ademais, hai que ter en conta a continua investigación que se está a facer sobre novos materiais e posibilidades de reciclaxe, coma no caso das impresoras 3D capaces de reciclar e alimentarse con calquera tipo de plástico dos que nos rodeamos a diario: ProtoCyclerStrooder, e outros varios prototipos aínda en fase de desenvolvemento.

cultura maker, alimentada tamén pola filosofía open source, pon en valor e fomenta o uso das tecnoloxías que democratizan e expandena autofabricación, o DIY (Do It Yourself), e póñenas en práctica nos cada vez máis abundantes labs(laboratorios) das grandes cidades occidentais. A cultura maker, unha das principais e máis prometedoras manifestacións da cultura dixital, move centos de proxectos arredor do mundo, coma por exemplo o proxecto WikiHouse, que deixa en aberto os planos precisos para que calquera poida construír a súa propia casa valéndose dunha máquina de corte CNC.

Neste interesante vídeo de presentación do proxecto WikiHouse asistimos ás transformacións, non soamente materiais senón tamén das estruturas de pensamento, que a aplicación do open source e da filosofía maker poden operar na sociedade. Ollamos cara unha forma de dar solución ás nosas necesidades -neste caso, habilitarnos de espazos de convivencia- moito máis orgánica, creativa, accesible e con menor impacto medioambiental. Os inmensos capitais financeiros e urbanizacións faraónicas, que tantos estragos teñen causado nas nosas contornas, son substituídas polas creacións froito das capacidades que as comunidades son capaces de achegar e compartillar.

Imos cara un futuro no que a fábrica está en todas partes. Iso quere dicir que, cada vez máis, a equipa de deseño é todo o mundo. (Alastair Parvin)

A fabricación baixo demanda, baseada na apertura dos deseños e no emprego de máquinas CNC, tal e como se pon en práctica no proxecto WikiHouse, vense empregando dende hai tempo en varios proxectos de fabricación de mobiliario. Un dos máis interesantes e asentados é o proxecto OpenDesk, con deseños licenzados baixo creative commons perfectamente funcionais e actuais. Outro proxecto de interese é o do software libre SketchChair, que lle permite á usuaria crear e testear deseños de cadeiras que despois se han de cortar con máquinas dixitais. No estado español, nunha liña que nos resultará moi familiar na Galiza, a plataforma El Recetario pon a disposición de calquera as solucións de upcycling (reutilización ou reciclaxe con cambio de uso) creadas polas usuarias. Tamén no estado español, a empresa mmodulUS pon a disposición de calquera persoa os seus deseños modulares para crear todo tipo de mobiliario. A súa creadora, Martina Minnucci, fixo para o web MásQueNegocio unhas declaracións moi reveladoras:

La manufactura digital invierte por completo la cadena de valor de las industrias basadas en la fabricación de productos. Antes el conocimiento era cerrado y se producía en unos pocos lugares, mientras que la producción se llevaba a otros sitios para reducir su coste. Ahora el conocimiento es global dado que es abierto y se produce y comparte en comunidades de práctica, y la producción es local dado que es viable con tecnología cada vez más accesible. De este modo es posible fabricar cerca de los lugares de producción de las materias primas y de los usuarios finales minimizando los costes de logística. Pero además la manufactura digital permite modelos de fabricación “just-in-time” sin necesidad de contar con grandes stocks, lo cual también minimiza el impacto de la producción. Nosotros además apostamos por utilizar siempre madera procedente de bosques certificados por la sostenibilidad de su manejo. (Martina Minnucci)

As experiencias de produción baixo modelos open source esténdense a todo tipo de produtos. No eido do calzado temos as iniciativas The Open Shoes para crear calzado de benestar máis accesible e os zapatos para ensamblar saídos do FabLab de Barcelona. No eido da fabricación téxtil temos impresoras téxtiles como a OpenKnit ou o proxecto Machina para a produción de prendas con wereable technology (prendas que incorporan tecnoloxía). Se falamos de máquinas e hardware, atopamos os teléfonos móbiles de RePhone, teléfono modular que combate a obsolescencia programada, ou as máquinas industriais do proxecto Open Source Ecology.

Unha maior distribución dos medios de produción, cadeas de abastecemento que respectan o medio ambiente e un renacer da cultura DIY poden transcender a escaseza artificial. (Marcin Jakubowski)

eido da moda tense prestado especialmente ben á dinámica de participación e partillamento que promove o open source. Aínda cando non se teñan clasificado coma tal, probablemente por se tratar de labores artesanais afastados das novas tecnoloxías, o rápido espallamento de grupos de croché, calceta ou costura respostan a esta mesma filosofía. Os patróns, titoriais, vídeos e artigos abundan na rede e forman parte da rutina de boa parte das creadoras; os deseños e técnicas necesarias para replica-las prendas, modificalas e dar pé a novas creacións, están dispoñibles en aberto para calquera usuaria, que pode adquirir os coñecementos necesarios para elaborar prendas de seu.

As filosofías open source e maker son filosofías fondamente humanistas que poden seren aplicadas en calquera ámbito, mais o que está claro é que non admiten a pasividade: requiren despregar a creatividade, compartir, educarse, decodificar, modificar, participar… As súas propostas poden mudar o noso modelo de produción e consumo, democratizar obxectos pouco accesibles, fomenta-la innovación non excluínte, procurar unha maior equidade social que lles permita ás poboacións terceiromundistas saír da pobreza sen que haxa que recorrer a unha maior produción, coa súa conseguinte contaminación.

Na liña expresada por Otto von Busch, o DIY e mailo open source deben ser interpretadas como micropolíticas que interveñen no comportamento da sociedade e na nosa forma de participar na economía. De feito, aínda cando non teñan ese propósito, son prácticas que se constitúen coma actos de desobediencia civil: desincentivan o consumo na economía liñal existente e promoven un modelo produtivo alternativo e máis consciente.

+ INFO

Open Source Economy Days
Muebles Open Source MediaLab Prado
Lessons from fashion’s free culture
Diseño + Open Source + Reutilización = Herramienta de transformación social
Textil en Abierto
Year Of Open Source
Open Design Conference
Mozilla Factory. Open Source Furniture
El grifo abierto
Ikea Hackers
Open Design – Rosa Llop (10/07/2012)

Artigos relacionados

Comentarios

Fai o primeiro comentario.

Deixa un Comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*

*