autoportrait, claude cahun, arte e cuestións de xénero

Hai xa moito tempo que no mundo da arte non se outorga o status de obxecto artístico por mor de ser este máis ou menos agradable á vista, senón que o que se valora é a idea que se transmite e o camiño que se escolleu para facelo. A estética de cada época vai moi vencellada á súa ética, que decide o que é “de bo gusto”, o que é “decoroso”, o que é “bonito”… Se temos que nos preguntar que é arte, hai que concluír que arte é aquilo que as persoas que en cada época pertencen ao estrato social axeitado, acordan que é arte. Se falamos de estética, resulta difícil dirimir cantos factores poden chegar a determinar un concepto tan controvertible: factores culturais, morais, éticos, de clase, de raza, de xénero, étnicos, políticos, relixiosos… e un longo etcétera, determinan o que nos fai diferenciar o que é “bonito” do que non o é.

Autoportrait, Claude Cahun

Hai xa máis de dez anos que vin por vez primeira a fotografía que abre este artigo, un dos numerosos autorretratos da fotógrafa e escritora Claude Cahun, nas follas do libro de Juan Vicente Aliaga, Arte y cuestiones de género (Nerea, 2004). Cahun era unha gran descoñecida que viña de ser recuperada para o mundo da arte por François Leperlier a inicios dos 90. No seu tempo, o tempo de entreguerras e de vangardas, Cahun fora unha artista das marxes, mesmo cando hoxe se catalogue dentro da corrente surrealista.

O Autorretrato de Cahun ten algo cativador, unha forza case agresiva transmitida polos contrastes da súa pel branca contra o fondo e a vestimenta negras, pola cabeza ao rape, polo perfil anguloso, polo poder da súa actitude, pola ausencia de enfeites que poidan suavizar a súa imaxe, por presentarse a si mesma cruamente, sen embustes nin ambaxes… a ninguén lle pode resultar allea a inmensa modernidade desta fotografía, desta personalidade, na década dos 20. Unha artista que experimentaba continuas transformacións no seu propio corpo para fuxir das limitacións de identidade impostas, unha artista das marxes que traballaba sobre conceptos que carecían de interese para as elites culturais do momento, que a todo o mundo lle resultaban incómodos.

Cahun represéntase a si mesma de perfil, cunha expresión fría, case ameazante; cunha luz dura subliñando a súa apariencia severa, sen adobíos, desposuída de calquera elemento accesorio – incluído o cabelo – que poida suaviza-la súa imaxe. Este retrato milita agresivamente contra os “ideais normativos” de feminidade e, máis amplamente, pon de manifesto as expectativas do público respecto dunha identidade intelixible na que se basear, especificamente, de xénero.

Dictionary of Women Artists

Claude Cahun é un dos moitísimos exemplos de mulleres artistas esquecidas pola Historia da Arte, escrita maioritariamente por homes. As cuestións de xénero e de identidade que ela analizaba na súa obra foron desenvolvidas moitos anos máis tarde por artistas coma Cindy Sherman, nunha época na que xa o feminismo tiña influenciado o ámbito cultural, o cal debe darnos unha idea da radicalidade e modernidade das súas ideas. A través de Claude Cahun e doutras artistas que recolle Aliaga no seu libro, iniciei as miñas pescudas  e o meu interese polas cuestións feministas que atinguían á vivencia do xénero, da sexualidade, a teoría queer e as identidades non unívocas.

Cahun é pioneira dunha liña de análise que estaba a vivir un momento de auxe no século XXI: era o tempo na que o CGAC acollía en Compostela as exposicións A batalla dos xéneros (2007) e En todas partes. Políticas da diversidade sexual na arte (2009). Mais a historia da artista fora ripada durante máis de medio século pola falla de interese  das persoas que escribían a historia respecto de calquera expresión realizada por mulleres. Mesmo na súa época, Cahun non era suficientemente valorada pola aversión que espertaba a súa condición sexual, o seu aspecto, a súa rebelión constante contra o papel de musa e obxecto sexual que lle correspondía coma muller nun círculo artístico. Como apunta Cristina Ballestín, o criterio de selección que rexe a entrada nun grupo destas características, convertían a Cahun nunha artista non apropiada.

Cuando realizó esta foto fechada alrededor de 1928, titulada probablemente “Autoportrait”, Claude Cahun llevaba ya a sus espaldas más de 15 años experimentando con la fotografía, una técnica que le permitió fantasear con su propia imagen con tal diversidad que todavía asombra la radicalidad de los conceptos manejados. […]

“Autoportrait” es uno de sus retratos más preciados. Sobre un fondo oscuro, destaca el perfil acerado de su cuerpo. La cabeza monda, los omóplatos que despuntan, la nariz y oreja izquierda puntiagudas, la camiseta de tirantes también oscura le dan un aire extraño, ambiguo, equívoco a una artista que reservó para sí misma, su novia y algunas amistades gran parte de su producción artística.

Estamos ante un autorretrato de enorme innovación, no tanto en el plano formal, como sí en la representación que propone, en la que la diferencia sexual se difumina, alentando la mezcla de caracteres y rasgos femeninos y masculinos.

Su rostro pelado al rape desafía las convenciones y también las ideas machistas que fuerzan a la mujer a transformarse en un objeto pintado, un cuerpo cosmético para un ideal de belleza al servicio de lo establecido.

Juan Vicente Aliaga – Arte y Cuestiones de Género

A arte inesperada: mug shots do Departamento da Policía de Sydney.

Algúns anos máis tarde topei coas fotografías do arquivo do Departamento da Policía de Sydney. Nada máis arredado, a priori, ca un propósito artístico nunha fotografía carceraria destinada ao arquivo e non á exhibición. E así e todo, velaí están, moitas décadas despois, na exposición e catálogos froito do traballo de curadoría de  Peter Doyle. Todo un compendio sociolóxico no que podemos rastrexar un inxente número de ladroas, mulleres que practican abortos clandestinos, que matan aos seus amantes, que se prostitúen, que trafican con drogas… Un auténtico cadro da supervivencia e da marxinalidade.

Alén do carácter documental destas mug shots, o motivo polo que teñen sido obxecto de exposicións, catálogos e múltiples artigos internacionais, sobrepasa a súa condición de testemuños históricos. A calidade da representación, a capacidade de transmitir as personalidades e caracteres, supera calquera expectativa respecto dun arquivo de delincuentes e aproxima estas fotografías, aparentemente carentes de pretensións, a traballos retratísticos profesionais que percorren as salas de exhibición internacionais.

Peter Doyle apunta sobre estas “special photographs”, como el as cataloga, que, ao contrario có resto de fotografías do arquivo policial, semellan ser fotografías nas que se lles permitiu, ou incluso se convidou, ás persoas retratadas a colocarse e representarse a si mesmas adoptando a identidade desexada, transmitindo o que son a través das súas poses, vestimentas, curtes de cabelo e expresións. Se Claude Cahun xogaba nas súas fotografías a representar diversas identidades para afirmar a súa liberdade respecto de calquera clasificación ou imposición, especialmente as de xénero, as persoas que aparecen nos retratos policiais semellan afirmarse nun papel dado mediante a súa apariencia.

eugenia falleni mug shot, arte e cuestións de xénero
Eugenia Falleni, alias Harry Crawford, fotografía especial nº 234, Central Police Station Sydney, 1920.

De entre toda este catálogo de impresionantes retratos, reparei na fotografía de Eugenia Falleni, ou por mellor dicir, Harry Crawford, que ademais é a única persoa de todas estas fotografías de arquivo que foi obxecto de investigación e publicación na obra  Eugenia, a true story of adversity, tragedy, crime and courage (Mark Tedeschi; Paperback, 2013). Eugenia Falleni viviu durante máis de vinte anos baixo unha identidade masculina e chegou a casar dúas veces sen lles revelar ás súas parellas a súa condición. Na que probablemente é a fotografía do seu arresto, datado no 1920, permitíuselle a Falleni presentarse perante a cámara en actitude distentida (aínda que compunxida) coas súas vestimentas e posturas masculinas. No seguinte retrato que se conserva de Fanelli, a súa apariencia aínda continúa a ser andróxina mentres que na súa derradeira fotografía, con data de 1928, o seu aspecto é xa enteiramente feminino.

As cuestións da representación e vivencia do xénero e das identidades, que xa contan cunha bagaxe considerable dentro da arte actual, teñen o seu inicio nun periodo tan temperán coma os anos 20, en obras moi dispares pero igualmente ignoradas e condenadas ao esquecemento. O cuestionamento da estética imperante, a conciencia sobre os constrinximentos que afectan a tódalas manifestacións creativas, acontezan onde acontezan, deben provocar unha reflexión sobre a consideración do “artístico” que tente superar os prexuízos, así coma os xuízos de valor que formulan aquelas persoas ás que se lles concedeu autoridade para separar “o que é bonito do que non o é” para o bo uso e educación da sociedade. En vindeiros artigos agardo tratar con algún acerto estas cuestións estéticas que, por suposto, tamén lle afectan ao rural galego.

+INFO

Aliaga, Juan Vicente: Arte y cuestiones de género. Nerea; Donostia, 2004.

Ballestín Cucala, Cristina: “Claude Cahun: más allá del surrealismo”. Riff Raff: revista de pensamiento y cultura; Nº 25, 2ª época, Primavera 2004.

Ballestín Cucala, Cristina: Claude Cahun y Cindy Sherman: el cuerpo, lugar de arte y subversión.

Ballestín Cucala, Cristina: Dos mujeres del entorno surrealista: Remedios Varo y Claude Cahun.

Ballestín Cucala, Cristina: “Las Héroïnes de Claude Cahun”. Riff Raff: revista de pensamiento y cultura; Nº 27, extra 2ª época, Invierno 2005.

Ballestín Cucala, Cristina: Más allá del surrealismo: Claude Cahun. Compromiso, resistencia y política identitaria. Tese doutoral; Universidad de Murcia, 2011.

Ballestín Cucala, Cristina: “Mujeres y surrealismo: la radical diferencia de Claude Cahun”. Riff Raff: revista de pensamiento y cultura; Nº 26, 2ª época, Otoño 2004.

Delia Gaze (Ed.): Dictionary of Women Artists: Artists, J-Z. Fitzroy Dearborn Publishers; London, 1997.

VV.AA.: A batalla dos xéneros (catálogo da exposición). CGAC; Compostela, 2007.

VV.AA.: En todas partes. Políticas de la diversidad sexual en el arte (catálogo da exposición). CGAC; Compostela, 2009.

Artigos relacionados

Comentarios

Fai o primeiro comentario.

Deixa un Comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*

*