Leiteira, A Coruña, 1924 - Ruth Matilda Anderson

A dicotomía cidade/rural pode ser interpretada baixo a perspectiva ecofeminista, que analiza o modelo de pensamento do patriarcado capitalista baseado en parellas de conceptos opostos e xerárquicos, nos que sempre hai unha parte dominante e unha parte dominada.

Home / Muller
Cultura / Natureza
Mente / Corpo
Razón / Emoción
Autonomía / Dependencia
Produción / Reprodución
Público / Privado

A cidade aparece coma superior ao rural; os valores relacionados co urbano son desexables, son os dominantes, mentres que o rural pertence á parte negada, asociado ao natural e, polo tanto, obxecto de explotación.

Valores asociados á cidade e máis ao rural que expresan a visión colonizadora sobre o rural:

CIDADE / RURAL
cultura / ignorancia
ciencia / superstición
castelán / galego
progreso / tradición
posibilismo / inmobilismo

O discurso sobre o rural está dominado polas perspectivas colonizadoras:

  • ou ben o contempla con desprezo (a idea do rural ignorante, inmobilista)
  • ou ben o idealiza (o ideal do mundo “primitivo” que se alimenta no turismo rural)
  • ou ben o contempla con paternalismo (a idea do rural atrasado que debe evolucionar para acada-los ideais de progreso da modernidade capitalista)

Reparando na lingüística, e por razóns históricas, os termos cidadá, na súa acepción de “persoa que forma parte da comunidade de membros dun estado, con plenos dereitos civís e políticos”, ou cidadanía remiten á súa raíz civitas. Para definirnos coma suxeitos políticos, coma suxeitos de dereito, empregamos termos que invisibilizan o rural, pois carecemos de equivalentes. Cando falamos de nós mesmas coma “cidadás” ou apelamos á nosa “cidadanía” facemos uso dunha identidade allea que nega e invisibiliza a propia.

A política e a linguaxe da política están a formularse en lugares que non nos pertencen, que nos son alleos, e que nos están a nomear e definir sen o noso permiso nin contribución. A innovación, a ciencia, a tecnoloxía, a experimentación… semellan acontecer sempre en lugares afastados nos que nunca temos nada que dicir e aos que non lles temos nada que achegar. Daquela, como se constrúe a si mesmo o rural senón valéndose de construcións alleas?

As políticas e plans de “desenvolvemento rural” aplicadas reiteradamente polas institucións contemplan permanentemente o rural coma territorio subdesenvolvido, asumen a súa condición de inferioridade e implementan estratexias destinadas a acadar os estándares capitalistas (e urbanos) de progreso. É preciso un cuestionamento do significado de “progreso” e das políticas que se aplican para acadalo.

Pensando na relación do rural coa cidade, e na forma na que se pensa a cidade e se trazan as súas políticas, rara vez se teñen en conta as persoas que habitan o rural coma usuarias da cidade, aínda cando boa parte do crecemento das cidades se lles debe a elas e ao seu traballo.

No sentido inverso, as persoas que trasladan a súa residencia dende a cidade ao rural, caen frecuentemente na sobreexplotación dos recursos comúns, e rara vez mostran interese en formar parte das estruturas comunais que os rexen. Nalgunhas ocasións, a xestión comunitaria é contemplada coma un atraso respecto da forma de progreso recomendable: a xestión pública ou mesmo privada.

Reparando na situación do rural galego dentro do contexto europeo, é preciso recoñecer e definir a nosa alteridade: se se identifica o Sul coma o territorio pobre, explotado e colonizado polo capitalismo fronte ao Norte opulento, capitalista e colonizador, Galiza (e especialmente o rural galego) forma parte do Sul dentro do Norte. Dentro da Europa hai tamén “outras” e “outros” que precisan crear conciencia sobre as semellanzas que as unen cos territorios do Sul e extraer coñecemento das súas experiencias e aprendizaxes.

A primeira destas aprendizaxes debe ser a que nos achegou hai anos o feminismo negro, para non caírmos na tentación de tomar o rural galego coma un todo homoxéneo, sen ter en conta as interseccións que dan lugar a múltiples identidades. Debemos ser conscientes, e estarmos atentas, ás relacións de colonización que nós mesmas exercemos e que poden dar lugar á invisibilización destas alteridades ou a toma-la parte polo todo. A ruralidade debe ser contemplada coma unha máis das variables de dominación xunto coas dominacións de clase, de xénero, de raza ou da sexualidade.


+ INFO

MEDINA MARTÍN, Rocío: Feminismos periféricos, feminismos-otros: una genealogía feminista decolonial por reivindicar

HERRERO LÓPEZ, Yayo: Feminismo y ecología: reconstruir en verde y violeta

Crédito da imaxe: Leiteira. A Coruña, 1924. Fotografía de Ruth Matilda Anderson.

Artigos relacionados

Comentarios

Fai o primeiro comentario.

Deixa un Comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*

*