guia tendas ecoloxicas sostibles

Quen se teña proposto adoptar un modo de vida máis sostible e saudable terá comprobado que se trata dun proceso que se ha facer paseniñamente. E non soamente polo custo elevado que supón adquirir produtos ecolóxicos, senón tamén porque se precisa dun período de concienciación, obtención de información axeitada, muda dos costumes e adaptación.

Para contribuír neste proceso, esta guía ofrece ligazóns a tendas online e de proximidade que respostarán a unha das principais preguntas que nos facemos cando iniciamos o camiño: e eu onde merco isto? Cales son as posibilidades que teño dispoñibles? Ademais de coñecer o “onde” é preciso ter acceso a outras informacións como son:

Onde se produciu o produto? Sempre é mellor optar por produtos fabricados na Península Ibérica e, nomeadamente, en Galiza, antes que por produtos que teñen que percorrer centos de quilómetros para chegar ata nós. Ademais de reducir a contaminación por transporte favoreceremos o emprego local.

Onde está situada a tenda na que mercamos? Canto máis preto, mellor, de novo por razóns de transporte. O máis ecolóxico é apostar por comercios de QM0 (quilómetro cero), isto é, da túa localidade. Unha vez máis estarás a contribuír a crear traballo e riqueza na túa contorna.

Con que materiais está fabricado o produto? O máis ecolóxico é escoller materiais orgánicos ou reciclados, a ser posible certificados. O ideal é que a marca achegue información con suficiente transparencia como para que poidamos coñecer todo o proceso de fabricación. Por exemplo, no téxtil con algodón orgánico non é suficiente con saber que o algodón foi cultivado de forma ecolóxica, deberiamos saber se os procesos cos que se tratou posteriormente ese algodón son contaminantes e en que medida.

En que condicións se fabricou o produto? É dicir, con que condicións laborais e en que contexto de produción se elaboraron os produtos. A sostibilidade contempla tamén unhas condicións dignas para as traballadoras que interveñen en tódalas fases do proceso e un intercambio comercial xusto. Tódalas partes afectadas dende o cultivo ata o momento da venda deben ser analizados e debemos comprender os efectos e consecuencias de cada fase do proceso.

Non sempre é posible coñecer con tanto detalle tantos datos dun produto pero, se a marca ten unha verdadeira preocupación pola sostibilidade, non terá problemas en fornecer a información precisa para que a súa clientela poida tomar unha decisión meditada e consecuente. É moi recomendable fixarse nos certificados que obtiveron e nas características de cada un deles. Con todo, as certificacións son custosas e as pequenas empresas non sempre teñen acceso a elas. Por iso, non é preciso ser demasiado intransixente se unha marca non presenta ningún certificado, pero daquela é preciso acceder a unha información suficiente para que poidamos saber qué é o que estamos a mercar.

TÁBOA DE CONTIDOS

  1. Roupa
    1. Roupa interior
    2. Roupa infantil
  2. Calzado
  3. Accesorios
  4. Cosmética

1 . Roupa

ADANEGRA

Taller galego de artesanía téxtil. Pagamentos mediante transferencia, tarxeta ou contrareembolso. Adanegra ten tenda física na rúa Candeira nº 2, n’A Guarda.

ANDREA MARTÍNEZ

Marca de moda barcelonesa que realiza edicións limitadas en pequenos talleres da zona. Admite pagamentos mediante Paypal, tarxeta e transferencia bancaria. Envíos de balde para encomendas superiores a 50€.

AUM ACTIVEWEAR

Roupa de deporte

BICHOBICHEJO

Marca de Castilla y León que fabrica en talleres da comunidade con algodón orgánico de certificación GOTS. Envío de balde en compras superiores a 50€ e devolucións gratuitas. Acepta pagamentos mediante Paypal, tarxeta, transferencia e contrareembolso.

BICHOVINTAGE

Roupa e complementos vintage, actuais de estilo retro ou reciclados. Envío de balde a partir de 80€ de compra e devolucións gratuitas. Pagamentos mediante Paypal, tarxeta ou transferencia. Tenda física na Praza de Cervantes nº 2, en Compostela.

BINDU

Roupa básica de algodón orgánico.

BLOI

Marca barcelonesa de moda ecolóxica e ética que fabrica na mesma Barcelona. Envíos gratuitos para o estado español e pagamentos mediante Paypal ou tarxeta. Devolucións gratuitas (devolven o importe do envío cando reciben o pacote).

CESTOLA NA CACHOLA

Esta cooperativa de artesanía galega ten unha pequena sección de roupa e complementos. As formas de pagamento aceptadas son tarxeta e transferencia bancaria. Envíos a 5€ e de balde para os concellos de Lalín, Silleda e A Bandeira. Podes consultar no seu web outros dos seus puntos de venda na Galiza.

CRIS B

Pequeno negocio situado en Zaragoza que elabora pezas únicas: roupa, calzado e complementos. Pagamento mediante Paypal ou transferencia e gastos de envío gratuitos.

DO THE WOO

Outra das tendas multimarca -tamén barcelonesa- con meirande éxito na Península. Comecializa unha grande variedade de produtos (roupa para adultas e crianzas, accesorios, calzado) e marcas (Ray Musgo, Xiro, Ecozap, Encru, Endorphins, Moum…). Envíos de balde a partir dos 80€ de compra. Pagamentos mediante tarxeta ou Paypal.

ECOALF

Marca madrileña de roupa, complementos e calzado elaborados con materiais reciclados: redes de pesca, botellas de plástico, pneumáticos, pousos do café, algodón e la. Admite pagamentos mediante tarxeta ou Paypal.

ECOOLOGY

Marca de moda fabricada en pequenos talleres de Barcelona: emprega tecidos naturais, ecolóxicos e reciclados. Pagamentos mediante tarxeta, Paypal ou transferencia bancaria.

FAIRCHANGES

O mercado internacional de Fairchanges para empresas con produtos sostibles que fomentan o consumo responsable. Unha parte dos beneficios destínase a coleccións da mesma Fairchanges, nas que se empregan materiais ecolóxicos e se colabora con persoas en risco de exclusión social. No seu catálogo inclúen roupa, complementos, calzado, produtos para o fogar, de papelaría, alimentación e moitos máis. Teñen un interesante sistema de pesquisa que permite filtrar produtos por localización (produtos KM0), de comercio xusto, con denominación de orixe, artesanais, solidarios, vexetarianos, reciclados, etc. As marcas reciben os pagamentos directamente e ocúpanse de enviar as encomendas a través das empresas que transporte que teñan contratadas, polo que o custo dos gastos de envío haino que procurar en cada tenda en concreto. Imprescindible.

Cambiar el mundo puede parecer una utopía. Pero eligiendo propuestas más de consumo responsable logramos impactos reales. Como preservación de la biodiversidad. O garantía de las condiciones laborales. O desarrollo local. O reciclado de materias primas. O retorno a núcleos rurales. O integración de los colectivos vulnerables.

GREEN LIFE STYLE

Tenda multimarca barcelonesa. Envíos a 6€ e pagamento mediante Paypal.

IDIKA

Tenda multimarca madrileña de moda ética. Prendas de marcas europeas fundamentalmente de algodón orgánico. Gastos de envío 5€, cambios e devolucións de balde. Pagamentos mediante tarxeta, Paypal e transferencia bancaria.

IOU PROJECT

Prendas confeccionadas artesanalmente na Europa con tecidos realizados a man na India. Unha das características salientables deste proxecto madrileño é a importancia que lle concede á trazabilidade: cada prenda posúe un código que lle permite á persoa que a adquire coñecer quen a teceu e quen a confeccionou. Devolucións gratuitas.

ISSIE

Marca de roupa que fabrica en pequenos talleres de Madrid. As súas tres premisas: deseños atemporais, tecidos naturais e ecolóxicos e procesos responsables social e medioambientalmente. Envíos de balde por compras superiores a 50€. Admite pagamentos mediante Paypal, transferencia bancaria ou contrarreembolso.

JUANA BARRANCO

Marca de moda ética andaluza que aposta polo decrecemento, os produtos de gran durabilidade e o consumo responsable. Ofrecen a posibilidade de confeccionar a medida. Envíos a 6.50€.

JUSTOAKÍ

Veterana tenda multimarca de roupa, accesorios e calzado vegano. Produtos de materiais reciclados, reutilizados ou naturais. Tamén teñen produtos solidarios cos que poderás contribuír a causas internacionais. O seu lema: “Pola liberación animal, humana e da Terra”. Envíos a 6€ e pagamentos mediante transferencia ou tarxeta.

LA BÖCÖQUE

Marca de roupa galega das deseñadoras Olalla Casás y Sara Álvarez, que fabrican nun taller de seu. Teñen a súa tenda na rúa San Xosé Nº50, en Cangas. Na súa tende online (en Bigcartel) os envíos son de balde para compras superiores a 50€.

LE CHANELAS

Marca de roupa artesanal galega que realiza series limitadas e pezas únicas en talleres de Pontevedra. Admiten pagamentos mediante tarxeta ou Paypal, envíos a 6€.

MANDACARÚ

Marca galega situada en Poio que fabrica camisetas de algodón orgánico, con tinturas libres de disolventes en talleres con condicións laborais xustas. Donan 1€ por cada camiseta vendida na súa tenda online á ONGD Creart. Envíos a 3,50€. Pagamentos mediante tarxeta, Paypal, contrarreembolso ou transferencia bancaria. Custo do envío gratuito na primeira devolución.

MODA EN POSITIVO

Tenda multimarca barcelonesa que ofrece produtos ecolóxicos, artesanais e de comercio xusto. Envíos dende 5,49€ e pagamentos mediante Paypal ou tarxeta.

MTS (MOVES TO SLOW)

Tenda multimarca barcelonesa, fundada por Rosa Bernier e Mónica Melero, na que atopamos unha ampla variedade de marcas. A través de MTS podes, ademais, colaborar na reciclaxe de roupa. Para coñecer os seus valores, consulta os principios que expresan no seu manifesto. Envíos de balde e pagamentos mediante tarxeta ou Paypal.

N.U.S.K.

Marca barcelonesa da deseñadora Sònia Tebé que emprega las e algodóns orgánicos certificados nas súas coleccións e localiza a súa produción en España. Envíos a 7€.

O ROUPEIRO DO TATÁN

Tenda multimarca de moda ética con tenda física na rúa Santo Domingo nº 4, en Ourense.

PURA VIDA ECOCENTRO

Tenda física situada na rúa Santo Agustín nº 28, na Coruña. Ademais de produtos de alimentación, comercializa marcas de roupa coma Xiro, Bichobichejo, Titamina, Santo Fruto, The Vintees e moitas outras marcas de comercio xusto.

PURE GREEN APPAREL

Marca barcelonesa de moda ética que produce as súas coleccións en talleres de Sant Feliu de Guíxols e Barcelona, onde dan emprego a mulleres en risco de exclusión.  Utilizan na súa fabricación materiais naturais coma o algodón orgánico, a seda, a la ou o cánabo, así coma tinturas non tóxicas e de baixo impacto. Pagamentos mediante Paypal ou transferencia bancaria e envíos de balde.

REBEL ROOT

Unha das marcas con maior sona e percorrido no eido da moda ética e sustentable. Fundada en Barcelona no 2012 por Eva Riu, elabora prendas e accesorios en series limitadas que cumpren cos estándares do Comercio Xusto Certificado. Pagamentos mediante tarxeta e Paypal e envíos a 4€.

SANTO FRUTO

Esta marca madrileña confecciona prendas con tecidos 100% reciclados e ecolóxicos. Destacan os seus pantalóns fabricados con algodón reciclado e poliéster reciclado (PET) e  a súa sección de bisutería ecolóxica. Fabrican no Brasil. Envíos a 5€.

SON DE POL

Marca barcelonesa que fabrica camisetas de algodón orgánico serigrafiadas con tinturas á auga e certificadas con Oeko-Tex, OE 100 e WRAP.

SUNSAIS

Tenda barcelonesa de moda sostible con servizo de asesoría e promotora de eventos que fomentan o consumo responsable. Produtos artesanais con edicións limitadas, de comercio xusto e certificadas. Pagamentos mediante transferencia bancaria ou tarxeta.

THINKING MU

Marca barcelonesa que aposta polo algodón orgánico e os pigmentos biodegradables. Fabrica as súas prendas artesanalmente en talleres de comercio xusto. Envíos de balde en encomendas superiores a 40€ e política de reembolso do custo das devolucións.

VERDE MOSCÚ

Tenda multimarca sevillana. Gastos de envío a 2.95€ e de balde a partires de 100€.

XIRO

Marca galega de ecojeans que fabrica na rede galega de talleres Latitude, con tecidos e etiquetas orgánicas e con procesos sostibles. Envíos baratos e gratuitos a partires dos 150€.

ZHORAVEJER

Tenda gaditana de moda sostible. Envíos a 4€ e gratuitos para encomendas superiores a 50€.

A. Roupa interior

ARROPARTE

Roupa básica e interior ecolóxica

BLAU GAP

Tenda online de roupa interior e deportiva certificada con domicilio en Tarragona. Admítense pagamentos mediante tarxeta ou Paypal. Envíos a 6,05€ e de balde a partir dos 75€ de compra.

MARIPURI TIJERITAS

Roupa interior ecolóxica de Donosti

OWL UNDERWEAR

Marca barcelonesa fundada por dous irmáns centrados en ofrecer prendas realizadas con algodón orgánico e reciclado. O seu algodón está certificado con GOTS e os tecidos reciclados proveñen de stocks da fábricas téxtiles. Envíos a 4,50€.

RESET PRIORITY

Envíos de balde dentro de España

SOCKAHOLIC

Tenda online madrileña que ofrece calcetíns de coloridos deseños, fabricados en Portugal e con certificado Oeko-Tex. Envíos de balde para compras superiores a 35€ a través de MRW ou Correos e pagamentos a través de tarxeta ou Paypal.

SOCKETINES

Outra tenda imprescindible para amantes dos calcetíns. Esta marca madrileña emprega algodón orgánico, la e fabrica en España. En Galiza podedes atopalos na tenda Vaidhé de Vigo (Carral, 7). Gastos de envío de balde en compras superiores a 35€ a través de Correos e Tourline. Pagamentos con tarxeta, Paypal ou transferencia bancaria.

THE NUDE LABEL

Marca de Mataró que fabrica en España, seguindo procesos de fabricación éticos e amosando a súa preocupación por obter pezas durables e de calidade. Tódolos materiais empregados na roupa interior están libres de níquel e son hipoalerxénicos.  Envíos a 6€ a través de Correos e pagamentos a través de Paypal.

WORON

Marca de Copenhage fundada polas irmás Anya e Arina Woron, preocupadas por ofrecer prendas atemporais e durables. Envíos a Europa a 9€ e de balde para compras superiores aos 200€. Pagamentos mediante tarxeta.

B. Roupa infantil

A RAÍÑA VERDE

Tenda multimarca galega con tenda física na rúa Zaragoza nº 57, en Vigo. Aceptan a realización de encomendas por correo electrónico.

AB-ORÍGENES

Marca barcelonesa de roupa ecolóxica para crianzas

AKUKUNA

Moda infantil ecolóxica de produción local. Gastos de envío a 4€ e gratuitos por encomendas superiores a 60€.

ALTER-NATIVA. LA OTRA TIENDA DEL BEBÉ

Tenda galega online e física con establecemento na Avenida Méndez Núñez nº 4, en Cangas. Envíos de balde a partires dos 52€ de compra. Pagamento mediante tarxeta.

BAMBÁN

Tenda galega con establecemento na rúa Alexandre Bóveda nº 4, en Allariz. Pagamentos mediante transferencia, Paypal ou tarxeta.

BICHOBICHEJO

Marca de Castilla y León que fabrica con algodón orgánico de certificación GOTS.

BIOBUU

Tenda multimarca barcelonesa de roupa ecolóxica para crianzas. Tamén ten no seu catálogo algunhas prendas para muller. Envíos a 3€ dentro da Península e de balde a partir dos 60€. Cambios e devolucións gratuitas.

BIOKOTTON

Tenda das Illas Canarias (coidado coas taxas da alfándega) que comercializa roupa certificada e de comercio xusto de marcas coma Smafolk, Little Green Radicals, Sense Organics, Disana, Duns, Piccalilly, Katvig… Envíos á Península por 5,95€ a través de Correos.

GAIA DOS NENOS

Tenda galega física e online con establecemento en Santiago de Guayaquil nº 6, en Compostela. Cooperativa formada por catro mulleres que, ademais de produtos para unha crianza máis ecolóxica, ofrecen multitude de actividades. Envíos de balde a partir dos 49€ de encomenda. Pagamentos mediante transferencia ou tarxeta.

LE CHANELAS

Ver na sección de Roupa.

MADE IN TRIBE

Prendas certificadas de alta calidade e deseño da marca alemana Macarons, da marca estadounidense Noch mini e da marca española B by White. Envíos a 5€ e de balde para encomendas superiores a 50€.

RACATAPLÁN

Marca galega de roupa ecolóxica para crianzas de 0 a 3 anos. Prendas deseñadas e producidas no rural galego, en Viana do Bolo, con tecidos certificados 100% ecolóxicos. Aceptan pagamento mediante tarxeta, Paypal e transferencia.

3. Calzado

BOBUX

Marca neozelandesa de calzado infantil con distribuidora española en Barcelona. As tinturas que empregan son naturais. Envíos gratuitos.

ECOZAP

Tenda madrileña que comercializa calzado de marca propia e doutras marcas, fabricado con materiais ecolóxicos (sen produtos tóxicos na extracción ou procesamento) e reciclados: cánabo, iute, algodón orgánico, látex natural, fibra de coco, pel de curtición vexetal… son algúns do extenso catálogo de materiais de procedencia local ou de comercio xusto que emprega Ecozap. Procura obter e comercializar produtos durables que teñan sido fabricados na Península ou que procedan do comercio xusto. Envío e devolución de balde e pagamentos mediante tarxeta, contrarreembolso, transferencia ou Paypal.

ELENA FERRO

A afamada zoqueira de Merza (Vila de Cruces) dispón dunha pequena tenda online cuns cantos produtos básicos. Un servizo de grande interese é o que se ofrece na sección Deseña o teu zoco xa que, como artesá, Elena realiza zocos baixo demanda totalmente personalizados. O prazo de entrega para zocos persoalizados é un mes. Os materiais que emprega na elaboración de calzado e accesorios son: coiro de vaca, forrado en coiro de cabalo, madeira de ameneiro/bidueiro e goma reciclada de rodas de coche. Os gastos de envío para Galicia son 5 € (para un par de zocos) e 8 € (2 pares de zocos) e os gastos de envío para España peninsular son 7 € (para un par de zocos) e 10 € (2 pares de zocos).

EL NATURALISTA

Marca riojana que fabrica na súa propia terra e máis en Marrocos servíndose de fornecedoras locais. O calzado elabórase en boa parte de xeito artesanal empregando materiais naturais coma a pel, a cortiza, a madeira ou o caucho. Dispón, ademais, dunha selección de calzado vegano e dunha selección de calzado fabricado en pel de curtición vexetal (sen cromo). No seu web pódese consultar a súa política de compromiso medioambiental. Envíos de balde dentro do estado español. Formas de pagamento: tarxeta, Paypal e contra reembolso.

KAMELEONIC

Marca de Bilbao dedicada á fabricación de alpargatas. Envíos a 4€, gratuitos para compras superiores a 75€. Pagamentos mediante tarxeta ou Paypal.

LALOBA

Marca galega con sede en Vigo que fabrica no norte de Portugal. Realizan series limitadas de xeito artesanal. Envíos de balde e pagamentos mediante tarxeta, Paypal ou transferencia bancaria.

LA SENEGALESA

Marca de alpargatas comprometida co comercio xusto. Confeccionadas de maneira artesanal en Murcia; os materiais que empregan son iute, algodón e caucho. Envíos a 5€ e gratuitos para encomendas superiores a 100€. Os métodos de pagamento aceptados son: tarxeta, Paypal, transferencia e contrarreembolso.

LOLITA VON STOFF

Marca de zapatillas urbanas fabricadas artesanalmente en Alacante empregando materiais naturais e ecolóxicos. Soamente realiza edicións limitadas. Pagamentos mediante tarxeta, Paypal, transferencia e contrarreembolso. Envíos, cambios e devolucións de balde.

MAIANS

Marca barcelonesa de calzado fabricado de xeito artesanal na Rioja. Empregan materiais locais e 100% naturais. Unha das características que definen a marca é a recuperación de troqueis e moldes de hai décadas, xa esquecidos nos almacéns.  Admite pagamentos mediante tarxeta, Paypal e transferencia bancaria. Para España e Portugal, os gastos de envío e os da primeira devolución son gratuitos.

MANDALA SHOES

Calzado ecolóxico fabricado en España. Os gastos de envío están incluídos no prezo.

MARTIN NATUR

Calzado ecolóxico, especialistas en calzado anatómico

MTS (MOVES TO SLOW)

Ver no apartado de Roupa.

NAE

Marca portuguesa de calzado ecolóxico e vegano. Traballan con cortiza e microfibras ecolóxicas. Pagamento mediante Paypal, tarxeta ou transferencia bancaria. Custo do envío 9€.

NAGORE

Marca situada na illa de Menorca que fabrica calzado cómodo, con materiais coma: pel de curtición vexetal, caucho natural, algodón, iute, cortiza, liño, pneumáticos reciclados ou coco. Permite a compra a través do correo electrónico. Envíos 13€.

NATURAL WORLD ECO

Marca riojana de calzado ecolóxico e vegano a prezos económicos

PLA

Marca mallorquí de calzado ecolóxico de iute feito a man por artesanas do Bangladesh. Gastos de envío gratuitos.

RAY MUSGO

Calzado ecolóxico fabricado artesanalmente en España. Envíos e cambios gratuitos.

SAPATO VERDE

Tenda multimarca portuguesa de calzado ecolóxico e vegano. Envíos de 5 a 10€ e portes de balde para encomendas superiores a 100€.

SLOWERS

Marca española de calzado vegano fabricado en talleres españois. Envíos, cambios e devolucións gratuitas dende os 60€.

VESICA PISCIS FOOTWEAR

Esta marca de Elxe fabrica calzado vegano, orgánico e reciclado poñendo unha grande atención na escolla de materiais: algodón reciclado, algodón orgánico, poliéster reciclado, caucho natural, cortiza, bambú… Admite pagamentos a través de Paypal ou tarxeta (emprega pasarela de pago de Triodos Bank). Envíos de balde a través de DHL e Zeleris.

4. Accesorios

AMALENA

Marca de xoiaría artesanal e responsable realizada con ouro ecolóxico. Envíos gratuitos dentro de Europa.

DLC

Marca galega de bolsos de madeira con lapelas intercambiables que realizan diversos artesáns de Galiza. Madeira certificada procedente de fragas controladas.

IDDUNBAGS

Marca de bolsos que emprega materiais coma o algodón orgánico, sacos de café reciclados, pel de curtición vexetal ou pel de peixe. Fabrican en pequenos talleres de Madrid. Pagamento mediante Paypal, envío de balde por compras superiores a 100€.

MTS (MOVES TO SLOW)

Ver no apartado Roupa.

NEHCAA

Marca de xoiaría artesana da deseñadora Luz Rodríguez situada en Estepona; emprega metais certificados (Fairmined) procedentes da minaría sostible. Envío de balde e pagamento mediante tarxeta ou Paypal.

NUMON

Marca barcelonesa que realiza bolsos, mochilas e outros accesorios con tecidos reutilizados. Pezas únicas e aptas para veganas. Pagamento mediante tarxeta ou Paypal e envíos a 5,90€.

SANTO FRUTO

Consultar na sección de Roupa.

TOTOOMI

Marca de bolsos ecolóxicos e artesanais elaborados con algodón, madeira e coiro; realizan o tinguido das pezas téxtiles a man con tinturas naturais. Envíos a 4,60€ e pagamentos mediante tarxeta ou Paypal.

VERDE MOSCÚ

Ver no apartado de Roupa.

WOODGLASS

Marca galega de lentes ecolóxicos para os que empregan madeira certificada procedente de fragas controladas ou acetato de algodón e fibra de madeira. Pagamento a través de Paypal e envíos de balde.

XIANNA

Accesorios de cortiza e algodón orgánico realizados de maneira artesanal en Madrid. A compra débese realizar a través de Etsy ou Fairchanges. Envíos a 7,35€.

5. Cosmética

ARVINDA

Tenda física e online con establecemento na Avenida Alcalde Alfonso Molina nº 1, na Coruña. Pagamentos mediante transferencia, tarxeta e IuPay. Custe de envío 7,95€ e de balde para encomendas superiores a 50€.

BIOAGARIMOS

Tenda física na rúa Frei Rosendo Salvado nº 19, en Compostela.

CAMELIA

Tenda galega online con establecemento físico na rúa Xelmírez nº 19, en Compostela. Custos de envío dende  4€, de balde para encomendas superiores a 100€.

COCUNAT

Tenda barcelonesa multimarca. Admite pagamentos mediante Paypal, tarxeta, transferencia e contrarreembolso. Envíos a 4,95€ e de balde a partir de 45€ de compra.

COSMETHICS

Tenda multimarca ourensá con establecementos en Allariz (Rúa da Cruz, 7) e na cidade de Ourense (Rúa Bedoya, 2). Comercializa produtos das marcas galegas Naturavia e Xabón de Allariz. Envíos mediante Correos (tamén admite recollida en oficina) ou MRW con custos entre os 3€ e os 6€. Envíos de balde a partir dos 30€ de compra. Formas de pagamento: transferencia, Paypal, tarxeta e contrarreembolso.

FONTE SANTA

Marca de cosmética ecolóxica e artesanal asturiana. Certificación bio.inspecta. Pagamento mediante tarxeta, transferencia ou Paypal. Envíos a 6,44€ e gratuitos para encomendas superiores a 50€.

LILIUM NATURE

Tenda física de cosmética ecolóxica na rúa Lugo nº 1, en Vigo.

MADE IN TRIBE

Nesta tenda con domicio en Logroño reunen algunhas marcas e produtos difíciles de atopar. Envíos a 5€ e de balde en compras superiores a 50€

NATURAVIA

Unha marca imprescindible da cosmética ecolóxica galega: elaboran xabróns, aceites e cremas no seu taller de Ribadavia. Produtos certificados polo Instituto Suizo de Ecomercado (IMO). Aceptan pagamentos mediante contrareembolso, transferencia e Paypal. Envíos a 3,95€ e gratuitos se a encomenda supera os 60€.

UNIVERSO COSMÉTICA

Tenda online e física con establecemento na rúa Salamanca nº 12, en Vigo. Pagamentos mediante transferencia, tarxeta ou contrarreembolso. Envíos a 3,50€ e de balde para compras superiores a 55€.

Artigos relacionados

Comentarios

Fai o primeiro comentario.

Deixa un Comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*

*