Ecojeans da marca galega Xiro

Non se trata de finxir que non sabemos que os produtos ecolóxicos adoitan ser máis caros, que son dificilmente accesibles para moitas persoas ou que dispoñen de menor variedade (afortunadamente isto último estase a solucionar). Pero tampouco imos ignorar as causas que nos levan a seguir consumindo produtos que son froito da explotación de persoas e de recursos naturais cunha total falla de ética e de responsabilidade.

Para comezar, hai que recoñecer que o mantemento de salarios baixos e procesos produtivos agresivos e contaminantes son os que lles permiten ás grandes empresas manter prezos baixos e obter extraordinarios beneficios. Esa mesma precariedade na que se mantén á maior parte da poboación é a que a obriga a consumir produtos froito da explotación indiscriminada e couta as súas posibilidades de acceder a outro tipo de consumo. Deste xeito, o diñeiro que se paga en salarios sempre retorna en forma de beneficios e o diñeiro queda cativo nun ciclo que retroalimenta unha forma de consumo e de economía que nos conduce ao desastre.

Para seguir, reparemos nas nosas concepcións de moda e consumo e cuestionémolas. Se nas xeracións das nosas avoas e nais se valoraba a calidade, a durabilidade e o artesanal, nas xeracións actuais valóranse a fugacidade e maila novidade e desprézase a calidade do duradeiro. De feito, a concepción de “moda-lixo” actual entra en contradición directa co valor ecolóxico que ten aquilo que perdura no tempo; a prioridade de manter un aspecto sempre novidoso, sempre “á moda”, entra en conflito co mantemento dun medioambiente sostible e dunha sociedade equitativa. Mentres non asumamos isto, calquera alternativa ou posibilidade de mellora é imposible.

Agora ben, é contraditoria a noción de moda sostible e duradeira co bo deseño, a comodidade, a elegancia, a innovación ou calquera outra das calidades que se prezan na moda actual? Xulgade vós mesmas: botádelle unha ollada ás tendas, redes sociais e blogues que difunden activamente as alternativas ecolóxicas e teredes oportunidade de comprobar cales son os horizontes dos negocios que producen baixo criterios ecolóxicos e éticos, qué están a facer e cómo o están a facer. Pero qué nos conduce a crer que un cambio é posible e, de feito, incipiente?

Ecojeans da marca galega Xiro

Slow Fashion: o ecoloxismo chega á moda

A chamada slow fashion (moda lenta) forma parte dun movemento cultural máis amplo, o movemento slow, que preconiza a volta (ou evolución) a unha vida máis sosegada, o abandono da ansiedade e mailo estrés típicos da vida moderna nas sociedades occidentais e a adopción dun estilo de vida no que se goce o momento.

Dentro da moda, a slow fashion nace coma alternativa oposta ao tipo de moda que se consume actualmente, a fast-fashion, e engloba calquera opción de moda sustentable que contribúa a un menor consumo: moda de segunda man, producida artesanalmente, producida con criterios e requisitos éticos e ecolóxicos, reciclada ou, directamente, o non-consumo.

Este xeito de entender a existencia en xeral e o aprovisionamento humano en particular forma parte dunha tendencia máis ampla, moito máis estendida en tódalas sociedades occidentais, que as axencias de mercadotecnica investigan e coñecen moi ben. Un cambio nos hábitos de vida e ideosincrasias das persoas que nacen coma consecuencia da irrupción das novas tecnoloxías nas nosas vidas. Atendede a este vídeo que son moi amiga de empregar para ilustrar este virar da sociedade occidental:

Un vídeo ben divertido e útil, pero non perdámo-la perspectiva: non se contempla o impacto ecolóxico, as diferenzas socio-económicas e culturais nin ningunha das circunstancias que convirten as xeracións que examina en extraordinariamente diversas e cheas de matices. Quedemos co fundamental: a enorme revolución que implica o nacemento e existencia da cultura dixital e as posibilidades que promete.

O decrecemento: explorando alternativas integrais

Trataremos máis veces neste blogue as implicacións da cultura dixital como tamén trataremos máis a fondo o tema do decrecemento. Soamente apuntaremos o seu significado: decrecer significa abandonar un sistema económico que procura o crecemento constante mediante a sobreexplotación do planeta (incluída a poboación que o habita) para adoptar un sistema máis equitativo que permita a redistribución da riqueza e a sustentabilidade de tódolos ecosistemas do mundo.

Nesta formulación hai dúas premisas que non debemos esquecer porque xa se están a demostrar irrefutables: para que existan sociedades ricas (e persoas ricas) teñen que existir sociedades pobres (e persoas pobres) porque (aí vai a segunda premisa) os recursos do planeta son finitos e están sendo esquilmados a un ritmo moito maior do que é razoable. E por que non é razoable? Porque, botando man dos datos actuais e das matemáticas, os recursos que existen actualmente no planeta serán esgotados en poucos anos. Falando claro: os recursos naturais non se renovan tan rápido coma os seres humanos os consumimos. Teñamos claras as nosas prioridades e decidamos tentar un pequeno cambio: o vello lema “Think Global, Act Local” (Pensa Globalmente, Actúa Localmente) segue a ser tan actual coma sempre.


[Imaxe da capa: Xiro Atlantic Denim]

+ INFO

“As persoas temos que entender a forza que temos no momento de consumir” – Entrevista a María Almazán en Praza Pública, 18/01/2014

Que poño hoxe? O consumo de roupa sen fíos na lingua (ADEGA)

Canle en Youtube de Decrecimiento, el documental

Vivir al ritmo que marca la Tierra – El País, 24/10/2013

Movimiento Slow: haz menos, lentamente – Ecointeligencia, 18/03/2013

Libro En defensa del decrecimiento, de Carlos Taibo (formato .epub)

El plástico mata

Artigos relacionados

Comentarios

Fai o primeiro comentario.

Deixa un Comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*

*